Manezh e catedral de Santo Isaac
Durante a súa etapa rusa, Betancourt recibiu o encargo do tsar Alexandre I de construír rapidamente unha sala de exercicios ecuestres, o Manezh de Moscova, en 1817. O enxeñeiro deseñou unha construción rectangular moi sinxela de estilo neoclásico —cunha superficie de 7.500 metros cadrados e capacidade para 2.000 persoas— destinada a que os soldados puidesen realizar adestramentos e exercicios ecuestres protexidos das inclemencias do tempo. A contribución máis importante de Agustín de Betancourt foi a innovadora armadura de madeira que cubría a estrutura, con cimbras que pesaban 17 toneladas e salvaban sen apoios unha luz de 45 metros.
Betancourt tamén se encargou de supervisar a obra da catedral de Santo Isaac en San Petersburgo —construída polo francés Augusto Montferrand— e dos seus aspectos técnicos. O templo non se tería podido erixir nos pantanosos terreos da cidade sen os estudos de cimentación de Betancourt, e tampouco tería sido posible elevar as grandes columnas da catedral —de 67 toneladas e dispostas a unha altura de 40 metros— sen os complexos andamios e dispositivos mecánicos que ideou. A catedral converteuse nun dos monumentos neoclásicos máis interesantes da arquitectura rusa do século XIX.