top of page

Inspección Xeral e Escola de Camiños e Canais

Imagen fondo1.JPG

En 1801, Agustín de Betancourt fíxose cargo da Inspección Xeral de Camiños e Canais. Durante a súa etapa no cargo —que se estendeu ata 1807—, esforzouse por reorganizar a institución e impulsou a modernización das vías de transporte de España. Tamén levou a cabo unha profunda reforma no modo de entender esta profesión, coa creación dun corpo de facultativos especializados no proxecto, construción e conservación das obras públicas e a fundación, en 1802, da Escola de Camiños e Canais —inspirada na École Royale des Ponts et Chaussées de París—, da que foi primeiro director. A Escola incorporou o Real Gabinete de Máquinas no seu seo como parte experimental.

A primeira etapa da Escola de Camiños e Canais foi efémera: as clases tiveron que interromperse o 2 de maio de 1808 debido ao levantamento contra a invasión francesa. Volveu abrir as súas portas entre 1820 e 1823, pero non foi ata 1834 cando iniciou a súa andaina definitiva, ata hoxe.

Durante a súa etapa en París, Agustín de Betancourt dirixiu un importante grupo de pensionados españois que, en poucos anos, reuniron a mellor colección de memorias, planos e documentos relacionados con máquinas útiles para a industria e as obras públicas que se empregaban noutros países de Europa. Ao seu regreso a Madrid, eses documentos foron o fundamento do Real Gabinete de Máquinas, que se instalou no palacio del Buen Retiro de Madrid, e do que foi director. Na súa apertura ao público, en 1792, contábase con 270 maquetas, 359 planos e 99 memorias.

Prisma Agustín de Betancourt 2.1 gal.jpg
bottom of page