
Mellora da conexión entre a EP 3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ó seu paso polo núcleo urbano de Seixo
(Actual: EP 3104 Avenida do Baixo Miño)

A actuación localízase no concello pontevedrés de Tomiño e consiste na execución dunha variante poboacional de 1.318 metros de lonxitude, entre a intersección da EP-3102 coa PO-344, ao sur do núcleo urbano de Seixo, e a conexión cara Barrantes da PO-344, ao norte do núcleo de Seixo.
A estrada foi proxectada dende un punto de vista sostible e favorecedor da mobilidade activa, ao deseñarse unha sección que incluíu a execución dun itinerario peonil e ciclista segregado, o que fai que se trate dunha actuación comprometida cos usuarios máis vulnerables, transformando o concepto de estrada que se viña desenvolvendo tradicionalmente. Este beneficio aos usuarios máis vulnerables non só se aprecia no novo trazado, senón que a execución da variante permitiu ademais desconxestionar o núcleo de Seixo ao eliminar o tráfico de paso, coa consecuente mellora da seguridade peonil no mesmo.
Trátase dunha actuación na que se prestou especial atención á calidade do deseño e dos elementos urbanos, resultando un itinerario con gran atractivo para as persoas.
Dende o punto de vista do tráfico rodado, executouse unha estrada con dobre carril de circulación, con cinco glorietas que permiten conectar con diferentes vías existentes na zona, quedando tamén prevista a conexión coa futura VAC Tui-A Guarda. Executouse tamén unha conexión urbana de 150 metros para conectar o novo trazado co centro urbano de Seixo.
