

Proxecto de reurbanización da rúa de San Andrés na Coruña




O proxecto de reurbanización e humanización da rúa San Andrés busca recuperar esta vía emblemática como eixo comercial, de paseo e de convivencia cidadá. A intervención enmárcase na estratexia municipal de humanización do centro urbano, devolvendo o protagonismo ao peón e reforzando a identidade histórica da rúa como espazo de encontro e actividade.
O deseño paisaxístico concíbese para ofrecer unha experiencia visual coherente e atractiva coidando o detalle e promovendo un modelo de espazo público diverso, compacto e socialmente cohesionado, aliñado cos principios de mobilidade sostible e resiliencia urbana. Para iso incorpóranse árbores e xardíns, achegando confort climático e ambiental e reforzando a identidade do lugar, lembrando o que foi o primeiro paseo arborizado da cidade e garantindo a integración urbana mediante a continuidade con actuacións previas e outros espazos.
Emprégase plataforma única, diferenciando materiais entre zonas peonís e rodadas, favorecendo a permeabilidade e a flexibilidade de uso. Amplíanse beirarrúas, incorpórase mobiliario urbano e xéranse pequenas áreas de estancia que convidan á interacción social e a gozar do espazo.
A redución do tráfico rodado a dous carrís, mantendo a funcionalidade para transporte público e carga/descarga, contribúe a unha contorna máis segura e accesible. A sustentabilidade e a ecoeficiencia abórdanse mediante a elección de pavimentos duradeiros e reciclables, a xestión eficiente da auga, cunha rede separativa de pluviais, empregando rigolas pasivas e a integración de vexetación que mellora a calidade ambiental e reduce o efecto illa de calor. En definitiva, a actuación mellora a calidade da contorna urbana, fomenta a mobilidade activa e fortalece a vida social e económica da zona, recuperando o seu papel histórico como eixo central e espazo de referencia para a cidadanía.











